Día 49: Novidades na Ciencia Médica

O Servizo Galego de Saúde sempre está na vangarda. Hoxe quérovos mostrar dous dos maiores avanzos deste organismo, que sen dubida ningunha suporán unha grande revolución no ámbito das Ciencias Médicas.

O Hospital Provincial de Conxo é un dos centros pioneiros a nivel mundial en contar cun laboratorio dedicado ao extravismo. Teñen realizado xa grandes descubertas, como o proceso cerebral causante de que non poidas encontrar o mando da televisión.

No momento actual están a analizar o fenómeno que impide ás persoas poder encontrar o bolígrafo no chan unha vez cae da mesa. A pesar dos recortes en sanidade, o feito único deste campo de estudo fai que non reparen en gastos, contando co mellor instrumental dispoñíbel. Entre o material de que dispoñen encóntranse avanzados localizadores GPS, cámaras HD capaces de rexistrar eventos en slow motion, máis de mil bolígrafos BIC Naranja, que escribe fino, e outros máis de mil bolígrafos BIC Cristal, que escribe normal.

Os experimentos realizados contan con todas as normas requiridas pola Unión Europea, garantindo que ningún bolígrafo sofre danos durante os mesmos.


Xa no Hospital Clínico de Santiago están a realizar unha nova análise innovadora, o emocultivo. Con ela son capaces de detectar xa na etapa neonatal o risco de que un individuo chegue a ser emo.

A alta sensibilidade e especificidade desta proba chamou a atención das autoridades de grandes cidades como Washington D.C., onde a alta concentración de emos supón xa un perigo para a saúde pública.

A pesar de que hoxe en día non existe unha terapia que poida previr ou curar esta afección, un diagnóstico precoce é vital para poder tomar accións paliativas orientadas a mellorar a calidade de vida. Está amplamente documentada a eficacia de medidas como o control do tamaño do cabelo para evitar problemas na vista, xa que impide que este poida chegar a invadir a zona frontal e bloquear a visión dun dos ollos.

1 comentario:

  1. ...BIC Naranja, que escribe fino, e outros máis de mil bolígrafos BIC Cristal, que escribe normal...

    Lémbrame a certa canción, mmm...

    ResponderEliminar