17h43
As formigas levan sen dar sinais hostís desde hai 19 días. A baixada das temperaturas logo da última vaga de calor parece ter mermado o seu poder de ataque. Predomina a calma no campo de batalla.
20h39
Un pequeno destacamento de exploración formada por unha ducia de formigas parece estar a cubrir a zona no cuarto de baño.
20h52
Era unha trampa! O obxectivo desa pequena compañía era guiarnos até a toalla de apoiar os pés ao saír da ducha, onde se encontraba emboscado un rexemento de máis de 200 formigas. As nosas tropas entraron en pánico, reaxindo con armas acuáticas para tentar provocar a morte dos inimigos por afogamento.
Estado da toalla de apoiar os pés despois do ataque.
21h03
O ataque masivo creou o caos entre as tropas formiguís, que se desagruparon e fuxiron presas do pánico. O impecábel traballo de seguimento dos nosos efectivos logrou dar coa entrada do campamento inimigo.
21h05
Dada a imposibilidade de destruír o campamento base, decidimos proceder a un asedio, bloqueando todas as entradas e saídas principais e secundarias.
22h57
Despois de horas de duro traballo, foron tapiadas con fita adhesiva todas as rañuras dos rodapés que potencialmente podían servir de entrada ao campamento formiguil. A entrada principal, dado o seu maior tamaño, conta cun reforzo de blu-tack. Procedemos á aniquilación das poucas tropas inimigas que aínda sobreviven, presas do caos, tentando fuxir.
Bloqueo da entrada principal ao campamento inimigo.
23h18
Acabouse o aniquilamento do inimigo. Calquera proba do masacre acontecido é destruído e levado lonxe, incluíndo a toalla de apoiar os pés que orixinou a batalla. Todo parece voltar á normalidade, mais aínda queda por averiguar o motivo do comportamento inusual do inimigo, preferindo amontoarse nunha vella toalla en lugar de tentar usurpar os alimentos da despensa.
A batalla terminou, mais a guerra continúa...
Ningún comentario:
Publicar un comentario