Día 4: Calma, é só un simulacro!


Os simulacros son exames idénticos ao do MIR que facemos durante a preparación. O obxectivo é acostumarnos ao método de exame, ao estilo das preguntas, a estar moitas horas co cu apegado á cadeira...

Os exame consta de 235 preguntas, das cales 10 son de reserva (é dicir, só se puntúan 225 delas). Segundo informa o Ministerio, cada pregunta ben respondido suma 3 puntos e cada unha mal respondida resta 1, co que se puntuaría até un máximo de 675 puntos... só que ninguén usa ese xeito de puntuar. Do que falamos nós de xeito común é de preguntas netas, que resultan de contar un punto por cada resposta correcta e menos 0,33 cada resposta incorrecta. É o mesmo, só que máis intuitivo de entender.

No exame de verdade, a nota que logras é ponderada coa media do expediente (90% nota do exame MIR, 10% nota do expediante). E en base á cualificación final asígnanche un número de orde para escoller praza, o que nos chamamos posto. Nos simulacros temos que inserir nós as respostas na web da academia para que nos dean a nota, que é comparada co resto de estudantes, e en base a iso calcúlase o percentil. O percentil é unha medida de como de boa foi a túa nota en comparación co resto de xente da academia. Se tes un percentil 100 significa que fuches a nota máis altado grupo, se tes un percentil 75 quere dicir que 25% da xente está por riba de ti e 75% por baixo, e así por diante. Como na academia teñen a nota do teu expediente, tamén che dan un posto estimado en función dos resultados das últimas convocatorias do exame MIR, só que non é demasiado exacto.

O tempo total do que se dispón para facer o exame son 5 horas. No exame real podes ir ao servizo en calquera momento se o precisas, salvo na primeira e na última horas. É ben acostumarse a iso nos simulacros, para ter conta da vexiga no día da verdade. Tamén é frecuente que a xente leve algo de comer ou beber para aguantar esas horas, normalmente larpeiradas ou chocolates... aínda que contan lendas de xente que sacou o tupper no medio do exame MIR!

Pois ben, hoxe na academia tivemos o undécimo simulacro, o primeiro desta segunda volta. Como a profesora de Dermatoloxía non puido vir, en lugar de á tarde fixémolo de mañá, das 10h ás 15h. Cinco horas, cen persoas, trinta e catro graos, cero aparellos de ar condicionado. Nunca tan perto estivera de sufrir unha combustión espontánea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario