Día 20: Allons-y!

Hai días que non teño nada que contar e énchoos con humor absurdo, como podedes ver no dicionario médico ilustrado que estou a montar no blogue. Hoxe non é un deses días.

Para comezar, fun xantar con Luz e Ali, dúas amigas ás que había moito tempo que non vía. Fomos a un centro comercial compostelán con nome de portas feitas de táboas ou paus que fechan o acceso a unha propiedade privada, concretamente a un bufete libre que ten por nome o imperativo do verbo morder seguido do produto feito con fariña e outros ingredientes que serve como base para moitos pratos típicos da culinaria italiana. Como podedes observar, evito dicir o nome para non facer publicidade gratuíta, xa que este blogue non está patrocinado (aínda que se tes unha boa oferta non dubides en dicirma, eu véndome barato).

O caso é que se vas a un bufete libre, xa que fas gasto, comes abondo. E despois de comer abondo, repites. E despois de repetir, tomas a sobremesa. E despois da sobremesa, ves que o do lado está a comer un gofre que ten moi boa pinta, e vas por un. E cando colles o gofre, ves que lle podes botar nata e chocolate fundido por riba, e bótasllo. E despois do gofre, tomas un xeladiño para facer a dixestión. E despois do xelado, o café, que non é un café normalciño, é un capuccino con vainilla, moi saudábel todo. Entón, cando te queres decatar, xa non tes máis buracos do cinto para desabrochar.

Despois dunha longa e pesada dixestión, xa á noitiña, fun tomarlle unha con Paula, a mesma Paula que contou polo Twitter o do menciñeiro mioleiro. Cun atraso de dous meses e cinco días, deume o meu regalo de aniversario, que podedes ver na foto a seguir.


Como podedes observar, trátase dunha caneca da TARDIS. Para quen non sexa fan de Doctor Who, a TARDIS é unha nave con forma de cabina de policía inglesa que pode viaxar a través do espazo e do tempo. Mais claro, non é 100% fiábel, como se ve por exemplo no capítulo "Aliens of London", onde a TARDIS aterra un ano máis tarde do que tiñan pensado. Tendo isto en conta, dous meses é un desfase razoábel para unha máquina do tempo das súas características.

Despois de recibir o regalo, á hora de pagar as consumicións, houbo un duelo de carteiras. En primeiro lugar a camareira reparou na carteira de Paula, con forma de mando da Nintendo. Acto seguido saquei eu a miña carteira de Pulp Fiction, que eclipsou a carteira da Nintendo. Despois a camareira quixo contraatacar co seu moedeiro ríxido con imán e un departamento separado para cada tipo de moeda, que estaba bastante ben, mais sexamos sinceros... Pulp Fiction é Pulp Fiction.

E para redondear o día de volta xa ao meu benquerido fogar, non me decatei de que xa comezaran as festas e metinme pola praza do Obradoiro en pleno espectáculo pirotécnico. Cando me dectei de que ese camiño era impracticábel, decidín dar volta e rodear a catedral para ir polo outro lado. Cando cheguei ao outro lado, o espectáculo acabara e a xente xa se dispersara, co que case me tería compensado máis quedar quieto e ver os fogos que dar a volta toda. Mais na vida hai que tomar decisións.

E isto foi todo por hoxe. Agradézolle máis unha vez a Paula o xenial regalo que me fixo, e deixo que morrades coa envexa de non ter amigas que vos fagan regalos tan xeniais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario