Día 17: Amaiera


Hai dúas semanas comecei un curso de euskara, como xa contei neste mesmo blogue. Foron 10 mañás completas, 40 horas de aulas e moitos hamaiketakoak, para finalmente obter o diploma que vedes na imaxe, a acreditación do nivel A1 no Marco Europeo, o máis baixo de 6 niveis.

Mais o importante do curso non é o diploma, nin moito menos, foi poder aprender de xeito sistemático o básico da lingua. Porque até entón só era capaz de dicir unhas cantar palabras soltas e frases que sabía de memoria, mais agora xa son quen de poder ter conversas moi (moi, moi) simples e de entender textos sinxeliños. Mágoa que non houbese cursos de verán de euskara nestes anos todos que estiven na universidade, a día de hoxe podía ter un dominio do idioma bastante bo.

Aínda así, se cadra máis importante mesmo que a aprendizaxe foi o ben que o pasei. Levanteime cada mañá con ilusión, as horas nas aulas pasábanme voando, e os compañeiros e a andereño foron xeniais. Realmente houbo moi bo ambiente, e pensar que todo iso xa acabou dá bastante pena.

Atrás fican os meus pésimos xogos de palabras con cousas como asko da (é moito), horko (de aí), bosta (o cinco), alua (vulva), sabela (barriga) ou bizarra (barba). Atrás quedan tamén lembranzas como a da profesora escachando a rir ao verme xesticular moito e envolver a funda das lentes cun folio para facerme entender mentres chapurreaba o pouco que aprendín. Todos eses momentos vanse perder no tempo, como peidos no vento.

Agora xa non hai escusa, toca dar o 110% co estudo do MIR e dos exames de setembro para poder dicir dentro duns meses ni doktorea naiz.

Beste bat arte!

1 comentario: