O día que 'As MIR e unha noites' acabou

Sabedes cando estades a escoitar música cos auriculares, a música acaba e continúas cos auriculares postos? Pois iso é o que acontece con As MIR e unha noites. A música acabou hai moito tempo, mais eu continuaba cos auriculares postos, negándome a aceptar o silencio. Este blogue significou moito para min. Foi a miña vida, a miña ilusión, o meu xeito de me mostrar ao mundo. Foi o meu compañeiro e testemuña durante un tempo moi decisivo. E foi, por riba de todo, a historia do meu fracaso.

Non me entendades mal, non foi un fracaso o blogue. Se mesmo cheguei a falar na radio del! O fracaso foi a miña vida. O fracaso, en definitiva, fun eu. Mais o fracaso non é algo mao, todo o contrario. O fracaso é a oportunidade de aprender, de crecer, de encontrar novos camiños. E o meu camiño afastouse do MIR e deste blogue.

Se me queredes seguir a pista, o meu usuario é @amilgz en todas as redes sociais, e seguramente continúe a selo nas novas redes que saian no futuro. Se non, tampouco hai moita xente galega chamada Jon Amil. Podedes lembrarvos deste blogue, desta historia, cada vez que vexades o meu nome nalgún sitio.

E para concluír, xa que lle roubei a House o logo deste blogue, voume apropiar tamén dunha das cancións que usan nesa serie. Porque eu non conseguín o que quería. Porque non sempre podes conseguir o que queres.

widgets for blogger

Ciencia e pseudociencia: Por que cremos en cousas raras?

Anotade na axenda: 10 de febreiro ás 20h no Pub O Garaxe de Carral. Alá dará unha palestra a nosa psiquiatra favorita, Iria Veiga, membro da Coordenadora do Movemento Galego de Saúde Mental e autora do blogue O outro lado do espello.

O evento está organizado pola Asociacion Ecocultural Lacrar e leva por título Ciencia e pseudociencia: Por que cremos en cousas raras?. O Pub O Garaxe está na rúa Alcalde Francisco Javier Alvajar, 5 de Carral (podes ver aquí a localización no Google Maps).

Nenas con pene e nenos con vulva

Antes de chegar á universidade, na química que estudei no bacharelato, aprendín que trans é aquel esteroisómero no cal os substituintes están en lados opostos da dupla ligazón (no caso dos alquenos) ou en caras opostas (no caso dos cicloalcanos). Máis tarde, xa na facultade de Medicina, aprendín que os ácidos graxos trans son aqueles ácidos graxos saturados que teñen unha configuración xeométrica trans. Estes ácidos graxos trans forman graxas trans, que se encontran en alimentos sometidos a procesos de hidroxenación. Estas graxas, que melloran a frescura e textura dos alimentos, son prexudiciais para a saúde, aumentando os niveis de lipoproteínas de baixa densidade (o coñecido como colesterol mao) e o risco de padecer doenzas do corazón e certos cancros.

Ben, antes de continuar, perdoade o tixolo que vos acabei de soltar. Serve para explicar o meu argumento. Todo isto aprendino durante a miña formación, e non só. A xente que non estudase unha carreira de ciencias seguro que ten ouvido falar das malvadas graxas trans algunha vez. En programas destes de saúde da televisión, en anuncios de alimentos superchachis para a saúde que non levan nadiña de graxas trans, ou sairía o tema nalgunha conversa con alguén. Fálase disto abertamente. Sen complexos. Sen tabús. Mais resulta que as graxas non son o único trans que existe.

En ningún momento da miña formación falaron das persoas trans. Ou, se o fixeron, foi de maneira anecdótica e sen explicar en absoluto o tema. Na televisión, o único referente que existiu foron parodias supostamente humorísticas de homes disfrazados de muller. Na publicidade, nos anuncios, nos programas de saúde... nada. E nas conversas coa xente, o máis achegado foron chistes de travelos.

Non quero nin pensar cantas veces, por inconsciencia e ignorancia, fixen sentir mal a alguén que non se identificaba co xénero que lle fora imposto pola sociedade. Cantas veces repetín as condutas tránsfobas que vira, sen saber o que era a transfobia. Sen saber sequera o que é o xénero e a diferenza que existe entre este e o sexo.

Por todo isto son tan necesarias as campañas como a que está a realizar a asociación Chrysallis Euskal Herria. Nas paradas de bus de 4 capitais euscaldunas (Donostia, Gasteiz, Bilbo e Iruñea) hai grandes cartaces con nenas e nenos debuxados e o texto "Hai nenas con pene e nenos con vulva. Así de sinxelo". E realmente é así de sinxelo. Esta campaña é un xeito simple e directo de mostrar a realidade tal e como é. Para dar visibilidade a un colectivo marxinado e deostado. Para educar persoas ignorantes coma min.


Nota: Este artigo é un remake do artigo Trans que publiquei orixinalmente no Portal Galego da Língua. Se a Hollywood lle vai ben facendo remakes, non vexo por que eu non debería facelos. É ou non é?

Totem e tabu: Mitos e médias verdades sobre a doença mental

O próximo 27 de xaneiro ás 20h, haberá unha interesante palestra en Ferrol, na Fundaçom Artábria, co título «Totem e tabu: Mitos e médias verdades sobre a doença mental». A encargada de falar será a psiquiatra Iria Veiga que, alén de ser membro da Coordenadora do Movemento Galego de Saúde Mental, ten tamén un fantástico blogue chamado O outro lado do espello.

A palestra falará sobre o que é e o que non é unha doenza mental, sobre a psiquiatría como disciplina, e sobre as cuestións sociais e políticas relacionadas con esta materia na Galiza de hoxe.

A Fundaçom Artábria encóntrase na Travesía Batallóns, 7, en Ferrol. Se non sabes chegar, podes ver as indicacións no Google Maps.


#HistoriasPsicotécnicas: O home que xa vía ben

Como médico aínda sen especialidade, levo tempo empalmando (he, he) traballos como médico xeral facendo recoñecementos en centros psicotécnicos. Porque comer hai que comer. En fin, deixando a miña vida de lado, o caso é que teño vivido neste tempo varias historias curiosas. E xa que teño un blogue, quero compartilas convosco. Para iso vou usar o hashtag #HistoriasPsicotécnicas, e aquelas que ocupen menos de 140 caracteres irán no Twitter (@MIReunhanoites), mentres que as máis longas irán aquí. Entón, sen máis enredar, vai a primeira delas, que dei en chamar O home que xa vía ben.


Estaba eu coa miña compañeira psicóloga na recepción do psicotécnico, no mostrador situado á entrada para, como é obvio, recibir a xente que entra. E entrou un home. E recibímolo. O home en cuestión contounos que tiña no permiso de condución, desde hai 8 anos, a restrición de ter que usar lentes para a miopía. Porén, despois da súa última visita á óptica, xa non as necesitaba. Á vista desta recuperación repentina da capacidade visual, quería como é obvio retirar a restrición de usar lentes do seu permiso. Até aquí, todo ben.

#Movember, cancro de próstata e cancro testicular



Aproveitando o Movember, quixen facer este pequeno vídeo para falarvos acerca do cancro de próstata e o cancro testicular. Non vos preocupedes, o vídeo é moi lixeiro e centrado na prevención, non vai cargado de datos e termos demasiado especializados. E se gostades, xa sabedes, subscribídevos ao canal do Youtube!