SERGAS, magóasme nos ollos (I)

Neste estraño bilingüísmo en que vivimos dáse unha cousa ben curiosa. No castelán, calquera erro lingüístico, por pequeno que sexa, é motivo de vergoña. Se nun hospital español houbese un rótulo que dixese, por exemplo, *neumolojía en vez do correcto neumología todo o mundo se alporizaría e sería corrixido decontado. No galego isto non acontece así. Se nun hospital galego existe un rótulo que di *neumoloxía en vez do correcto pneumoloxía, ninguén lle dá importancia. E o que é peor, se alguén se decata do erro e ten a ousadía de queixarse, o resto da xente contéstalle con reproches. Porque o castelán hai que o escribir ben, mais no galego todo vale.

Si, é moi fácil botar a lingua a pacer, mais... como demostrar que é verdade? Pois cunha boa colección de fotos.

Hospital Clínico de Santiago
(Fonte: Feísmo lingüístico)
Hospital Universitario da Coruña
(Fonte: As MIR e unha noites)
Hospital Provincial de Conxo
(Fonte: As MIR e unha noites)
Hospital Universitario da Coruña
(Fonte: As MIR e unha noites)
Hospital Meixoeiro de Vigo
(Fonte: ZapperDJ)





























Entón, vamos repasar os erros das fotos, que son faciliños.

  1. Camilla en galego é padiola, andas ou angarellas.
  2. Armacén, aínda que é unha forma que existe no galego, non é a palabra normativa, que sería almacén. E suero é soro.
  3. Extravismo non existe en lingua ningunha, refírense ao estrabismo.
  4. Ieso é aquilo que repetía a Pantoja de Puerto Rico. O material que se usa para inmobilizar as fracturas dos ósos chámase xeso.
  5. Excluxivo é a maneira en que Rajoy pronuncia exclusivo.

Tes algunha foto do galego maltratado nun hospital ou centro de saúde? Envíaa por correo-e a contacto@asmireunhanoites.com ou nun tweet mencionando @MIReunhanoites para facer a segunda parte deste artigo!

8 comentarios:

  1. Non sei se estarèi equivocada, pero creo que a correcta colocación do pronome átono na frase "... todo o mundo se alporizaría", é despois do verbo: "todo o mundo alporizaríase".

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas por comentares!

      O pronome átono está ben como está. Algúns indefinidos, como é o caso de todo/toda/todos/todas, fan que o pronome se antepoña ao verbo. Pensa en frases como "todo lle molesta", "todos os días nos vemos no traballo" ou "toda a vida se fixo así".

      Se cadra o teu engano vén pola orde das palabras. Se a orde fose "...alporizaríase todo o mundo" si, o pronome iría atrás do verbo, como en "moléstalle todo", "vémonos no traballo todos os días" ou "fíxose así toda a vida".

      Saudiña!

      Eliminar
  2. É horrible dedicarse a corrixir, porque cada erro que comete un mesmo corrixindo parece multiplicarse por mil. Así que eu direino baixiño, para que conste que o vin, pero cruzando os dedos para que ninguén descobra os erros que se me poidan escapar a min nestas catro liñas mal contadas.
    Así que... iso, que non é "vamos repasar", senón "imos repasar". "Vamos" é a forma do imperativo e, neste caso, o pertinente é un presente.
    En todo caso, encántame a entrada. Eu son desas que, en castelán, galego ou calquera lingua que máis ou menos comprenda, esbozo un sorriso de resignación (máis que alporizarme) ante maltratos diversos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Corrixir os erros dos demais, sempre que se faga de maneira construtiva e non con ánimo de ridiculizar, é bo para mellorar. Ora ben, neste caso particular usei o imperativo á mantenta. Para explicarme vou recorrer ao inglés. O que quixen dicir é "Let's go review" ("Vamos repasar", imperativo) e non "We are going to review" ("Imos repasar", indicativo).

      Mesmo así, non teñas medo de corrixirme todas as veces que creas que metín a zoca en calquera publicación do blogue. Moitas veces teño despistes, dialectalismos ou algún pronome que me baila, e agradezo moito que mo digan.

      E moitas grazas por comentares! Saudiña!

      Eliminar
  3. Onte mesmo no chuac mentres traballaba cun paciente que acabara de saír do quirófano puiden escoitar como dúas compañeiras facían burla do carteliño de "Xaxún" (ou Xexún) porque dicían que non o entendían, e ao explicarlles o que significaba seguiron rindo porque comentaban o doado que sería todo se estivera en castelán. Doéume no alma.

    ResponderEliminar
  4. Fai anos, na séptima do Xeral de Vigo puxeran uns carteis nuns cuartos que facían a función de box de exploración. É unha pena non ter foto. "Recoñocemento" pon na entrada. Así tal cual. (Xa hai anos que non vou por alí, pero igual aínda estàn).

    ResponderEliminar
  5. Acompanho o teu trabalho. Fico feliz ao ver que há gente que se preocupa. Temos um longo caminho rumo à reintegração.

    ResponderEliminar