O día que acabei Medicina

Día 25 de xuño de 2015. Despois de estar toda a noite sen case poder durmir, erguinme á mañá cedo. Metinme de cabeza na ducha para ver se espertaba un pouco, mentres mentalmente ía repasando o guión da presentación do Estudo do cumprimento das indicacións na prescrición de IBP: Aproximación aos factores de risco para a prescrición inadecuada, que levaba días ensaiando. Vestín a miña camisa de txikitero (kabenzotz!), os meus calcetíns de Spider-Man, as miñas converse azul TARDIS (allons-y!) e un pantalón vaqueiro. Si, é que me gustan os pantalóns vaqueiros, sen máis, non toda a miña roupa ten un significado transcendental.

Saín da casa e no medio do camiño xuntouse a min Alberto (si, o mesmo que ten colaborado algunha vez no blogue). El foi o meu incansábel compañeiro de fatigas e fixeramos xuntos o TFGM que iamos presentar esa mañá. Sen el nada disto sería posíbel, e nunca llo hei de agradecer o suficiente. Lamentabelmente, os dous tiñamos a presentación á mesma hora en salas diferentes, co cal non puidemos ir ver un a presentación do outro.

Cheguei á hora convida ao lugar adecuado. No xurado que me ía avaliar, formado por tres persoas, encontrábase Navarro. O grande e incomparábel Navarro. Profesor exixente, padriño da miña promoción, e belísima persoa. Antes de comezar achegouse a min, tocoume no ombro e dixo baixiño "¿Qué? ¿Nervioso?". Eu recoñecín que si que o estaba, e reconfortoume dicindo "No te preocupes" ao tempo que chiscaba un ollo.

E alá me lancei a facer a presentación. Tiña 20 minutos, 15 se contamos que comezamos un pouco despois da hora, e se cadra falei rápido de máis. E, mesmo así, quedáronme cousas por dicir. Cando acabei, chegou o momento da valoración e preguntas do xurado. Aquilo parecía talmente Operación Triunfo (con Navarro no papel de Risto Mejide, obviamente). As preguntas que me fixeron foron sobre a realización do estudo, e non tiven problema á hora de respondelas. Aínda ben. O resultado foi que lles gustou, que lles parecera un estudo interesante e ben completo. Despois de ouvir iso, saín pola porta cun sorriso de alivio. Por fin acabara todo.

Ao pouco saíu o Alberto da sala do lado, e para celebralo fíxome un regalazo: unha auténtica camisola d'As MIR e unha noites!

Tranquilos amigos da moda, fashion victims e xente cunha
visión cromática superior aos 8 bits, a presentación fíxena
coa camisa ben abotoada e sen nada por baixo.

Se vos son sincero, cando me pasei ao Grao non esperaba isto. Tiven que ver como a xente que ficou na licenciatura aprobaba maioritariamente a Derma. Tivemos problemas co deseño do estudo, coa burocracia, con hospitais que non nos daban datos... chegamos a reformular o estudo varias veces, co tempo cada vez máis na contra. Quizá, se enredo ao Alberto, publique outro artigo contando a odisea que vivimos. Quen sabe. O caso é que, a pesar de todo, de meterme na boca do lobo, conseguino.

ACABEI MEDICINA!

5 comentarios:

  1. Parabéns irmán, mereces isto e moito máis. Quérote♥

    ResponderEliminar
  2. Parabéns! :) Eu aínda non cheguei aló pero teño unha dúbida que me corroe,igual é unha parvada,pero o TFG pódese expoñer no idioma que queiras? Ou ten que ser en castelán a narices? Porque a min xa me costa falar en público,se por riba teño que cambiar de idioma,moito peor...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Eu fixen todo 100% en galego, desde a recolección dos datos até a redacción do traballo e a exposición. E, á vista da nota final que tiven, foime ben. :)

      O TFGM e a súa exposición pódelo facer en galego ou castelán indistintamente. Mesmo creo que noutras linguas tamén é posíbel, mais nese caso xa habería que falar co decanato para asegurarse de que non poñan problemas.

      Saudiña!

      Eliminar
    2. Xenial :) Moitas grazas!

      Eliminar
  3. OOOOOHHHH!!! Con semellante mención e eu sen lelo durante días!!!
    Moitas gracias compañeiro, sen ti este traballo sería escrito en Old English Text MT ;-)
    Unha verdadeira mágoa non ternos visto expoñer, seguro que soltabamos unha bágoa en plan peli americana, jajaja.
    E ben sabes que enredarme é ben sinxelo!
    Desfruta desta victoria, que bo traballo deu e ben merecida está!!!

    ResponderEliminar