Unha fobia é un trastorno de saúde, emocional ou psicolóxico, que se caracteriza por un medo ou ansiedade intensa e desproporcionada ante obxectos ou situacións concretas. Existen algunhas bastante comúns, como a aracnofobia (medo das arañas), a entomofobia (medo dos insectos), a claustrofobia (medo dos lugares pequenos ou fechados) ou a acrofobia (medo das alturas, malchamado ás veces vertixe). Mais aquí vos vou deixar algunhas das fobias máis curiosas, interesantes ou raras que encontrei.
Cómpre aclarar que neste tema hai bastante controversia, e fobias que son recoñecidas por certas institucións ou sociedades médicas non o son por outras. Entón, é posíbel que algunha das que poño non estea moi estudada ou non teña moito fundamento. Mais, que raio, non vou deixar que a realidade me estrague unha boa publicación!
Ablutofobia: (Wikipedia) Medo de bañarse, ducharse ou lavarse. Dentro do rara que é, é máis común en nenos e nenas, aínda que normalmente desaparece coa idade. Como curiosidade, a famosa escena do asasinato na ducha no filme Psycho provocou que unha grande parte das espectadoras desenvolvesen esta fobia.
Filofobia: (Wikipedia) Esta é moi romántica, é o medo de namorar. Non, non se trata deses clixés do "medo do compromiso" ou o "non ser capaz de falar coa cheerleader" dos filmes estadounidenses, é un trastorno serio. Os posíbeis síntomas inclúen náusea, suores, taquipnea (respiración rápida), dispnea (falta de ar), boca seca, choro, sensación de pavor e ataques de pánico. Nalgúns casos graves pode pasar que a persoa non sexa capaz nin de se achegar á persoa que puidese ser amante potencial. Disque a raíña inglesa Elizabeth I, alcumada A Raíña Virxe, sufría esta fobia.
Somnifobia: (Wikipedia) Ás veces chamada hipnofobia ou clinofobia, este trastorno é o medo de durmir. Non debe confundirse coa insomnia ou os terrores nocturnos, xa que a somnifobia é ter un medo irracional que leva a non querer durmir. E aínda que é imposíbel non durmir en absoluto voluntariamente, as persoas só teñen microsonos involuntarios. E a ausencia de sono profundo causa privación de sono, con todos os problemas que implica (desde alucinacións e delirios a ictus). E, eventualmente, esta privación de sono pode ser mortal.
Pogonofobia: (Wikipedia) Medo das barbas. Tendo en conta que actualmente as barbas están na moda, e que, recoñezámolo, levar barba presta moito, son malos tempos para as pogonofóbicas.
Nomofobia: (Wikipedia) As fobias do século XXI, o medo de quedar sen teléfono móbil. Isto inclúe perder o trebello, quedar sen batería, sen saldo ou sen cobertura. Parece de riso, si, mais cada vez máis persoas sofren esta fobia, e ter ansiedade por non poder falar polo Whatsapp non debe ser agradábel.
Panfobia: (Wikipedia) Tamén chamada omnifobia, pantofobia ou panofobia, é o medo de todo. Vaia, non exactamente, senón que é a sensación vaga e persistente de que existe un mal descoñecido. Non está recoñecida por ningunha sociedade médica, mais interesante é bastante.
Afobia: (Wikipedia) O medo de non ter medo. O medo da ausencia de fobias. O medo de estar nunha situación que che debería provocar medo, mais non sentir medo. Moi metafísico todo.
Fobofobia: (Wikipedia) O medo do medo, o que inclúe o medo de desenvolver unha fobia ou o medo de ter medo por culpa dunha fobia.
Outras fobias curiosas son: ambulofobia (medo de andar), anatidaefobia (medo de ser observado por patos), catisofobia (medo de sentar), cinetofobia (medo do movemento), cronofobia (medo do tempo), estruminofobia (medo de morrer cagando), estupofobia (medo das persoas estúpidas), hexacosioihexecontahexafobia (medo do número 666), iatrofobia (medo dos médicos), metrofobia (medo da poesía), narigofobia (medo de narices), nosocomefobia (medo dos hospitais), ombrofobia (medo da chuvia), parasquavedequatriafobia (medo da sexta feira 13) é unatractifobia (medo das persoas feas). E, contrario á crenza popular, o medo das palabras longas non se chama hipopotomonstrosesquipedaliofobia. Esa palabra comezou como unha brincadeira, e despois popularizouse. A palabra correcta é simplemente sesquipedaliofobia.
NOTA: O sufixo fobia tamén se usa na linguaxe corrente para indicar aversión ou odio. Mais cousas como a xenofobia, homofobia, bifobia ou transfobia non son trastornos psiquiátricos. Son mostras da incríbel estupidez humana.
NOTA: O sufixo fobia tamén se usa na linguaxe corrente para indicar aversión ou odio. Mais cousas como a xenofobia, homofobia, bifobia ou transfobia non son trastornos psiquiátricos. Son mostras da incríbel estupidez humana.
Doutor, doutor, temo que padeço de estupofobia, metrofobia e fiolofobia. Que me aconselha?
ResponderEliminar