Adrián Mosquera, estudante do MIR e investigador 'freelance'

Adrián Mosquera sempre foi un estudante de Medicina máis, unha desas persoas coas que coincides na facultade e coa que falas ocasionalmente. Un rapaz normal que nunca deu mostras de crerse mellor nin máis listo que os demais. Só que, na realidade, non é un rapaz normal. Con só 25 anos, e traballando pola súa conta, conseguiu descubrir a ruta pola cal se malignizan os tumores craniais máis frecuentes, os meninxiomas. E non só iso, senón que a súa descuberta foi publicada na prestixiosa revista Frontiers in Oncology, nun artigo chamado «An integrative analysis of meningioma tumors reveals the determinant genes and pathways of malignant transformation» (Unha análise integradora dos meninxiomas revela os xenes determinantes e as rutas da malignización). Sendo así, non puiden evitar abusar da confianza e enredalo para que accedese a facer unha pequena entrevista para As MIR e unha noites, que podedes ler a seguir.

Este é Adrián, nunha foto que lle "roubei" do Facebook.

Cando eras pequeno, eras máis de Quimicefa ou de bóla de fútbol? Que querías ser de maior?

Boa pregunta. A verdade é que tiven as dúas fases. Moi de pequeno prefería a bóla (era un fan do Deportivo!) e xa máis maior era dos do Quimicefa e similares. Con respecto á segunda pregunta, podo dicir que dende moi pequeno sempre tiven claro que a min o que me gustaba era a medicina. Probablemente esta idea se remonte a cando tiña 4 ou 5 anos.

De onde vén o teu interese pola investigación científica?

Teño unha mente ávida de coñecemento, creo que ese é o maior motivo. Xa dende adolescente me gustaba moito ler sobre ciencia e tecnoloxía, e encantábanme as historias sobre as grandes mentes da historia da humanidade. Ademais, teño unha gran convicción de que unha sociedade é tan boa como o colectivo de iniciativas individuais da súa poboación. Por estás razóns, e porque me considero comprometido con Galicia e con España, isto móveme a proxectar sobre min o que desexo para a miña sociedade.

As túas investigacións foron feitas pola túa conta, sen axuda de ningunha institución. Como é iso de ser un investigador freelance? Cal é o teu modo de traballo?

Son un investigador freelance probablemente pola situación da investigación actual en España e como consecuencia da pouca competitividade e moito enchufismo que, na miña opinión, hai na Universidade. Iso evita que iniciativas dirixidas por mozos investigadores coma min non teñan futuro neste sistema público, e polo tanto é algo que entre todos debemos loitar para cambiar. O meu modo de traballo é o de calquera científico, simplemente se diferenza en que as miñas hipóteses teñen que ser validadas en estudos xa existentes. Por sorte, estes estudos son tan amplos que hai moita información novidosa que se pode aproveitar en prol da ciencia. Ademais, xa sabes o que di o refrán: “a necesidade agudiza o enxeño”. Gustaríame ver a produción científica que terían moitos “famosos” grupos de investigación nunha situación semellante á miña.

De entre todos os cancros, por que te decantaches polos meninxiomas?

Os meninxiomas son os tumores do sistema nervoso central máis frecuentes de todos con diferenza. Porén, dado que a maioría das veces son benignos existe relativamente pouca investigación sobre o tema. Todos os meninxiomas en conxunto asócianse cunha maior morbilidade e mortalidade; mentres que unha porcentaxe variable ten un comportamento agresivo e/ou resistente aos tratamentos convencionais (cirurxía e radioterapia) que implica un mal prognóstico. Actualmente non existe quimioterapia efectiva para o tratamento dos meninxiomas avanzados, e precísase navegar nas bases de datos xenómicas para poder identificar aqueles mecanismos celulares que se activan ou desactivan marcadamente neles. Isto permitirá deseñar tests que predigan a evolución dos meninxiomas e terapias específicas que permitan un tratamento eficaz.

Vaste presentar ao MIR na próxima convocatoria, tes pensado xa que especialidade vas escoller e onde che gustaría facela?

Gústanme moito a oncoloxía e a hematoloxía, pero calquera disciplina médica entra dentro dos meus obxectivos. O lugar a verdade é que me dá un pouco igual, aínda que preferiría quedar en Galicia.

Como ves o uso do galego no mundo da ciencia? Hai un oco para a nosa lingua ou non hai vida fóra do inglés?

A divulgación científica débese facer na lingua propia de cada país, e niso o galego debe ocupar un rol importante na nosa Comunidade. Ademais, o galego é unha ferramenta realmente útil para a comunicación coa poboación científica lusa e brasileira, xa que en especial este último colectivo está a ter unha progresión internacional importante en ciencia. Porén, a nivel internacional o inglés é o idioma hexemónico, posto que facilita un alto nivel de comprensión da actividade científica por calquera individuo en calquera lugar do mundo. Non creo que teña un motivo nacionalista detrás, simplemente é por economía.

E xa para concluír, unha pregunta controversa. Na túa opinión, que parte da Nocilla está máis boa, a branca ou a marrón?

Sen dúbida, a branca!


 PARA SABER MÁIS SOBRE O TRABALLO DE ADRIÁN:

Ningún comentario:

Publicar un comentario