Que opción é máis probábel no MIR?

A academia CTO editou un libriño moi útil chamado “Táctica y estrategia en el examen MIR”, que recomendo a toda a xente que se vai presentar ao MIR, independentemente da academia en que o estea a preparar. Ao comezo do libro, na 1ª edición (na 2ª xa actualizou os datos, mirade os comentarios deste artigo), o Dr. Macarrón cóntanos que a opción máis probábel dunha pregunta calquera do exame é a 4, e que por tanto, no caso de dubidar entre varias opcións, é a que deberiamos marcar. Mais... é isto certo?

O propio Macarrón di que este dato foi calculado baseándose nos datos de todos os exames MIR até 2010, ano en que foi editado o libro. Consoante eses datos, a opción máis correcta é a 4, seguida de perto pola 3, un pouco máis lonxe a 2, a 5 e por último a 1. Isto é, 4>3>2>5>1.

Mais 2010 foi un ano de mudanzas, coa redución do número de preguntas (de 260 a 225) e a introdución das nosas queridas imaxes. Entón, non está de máis botar unha ollada a como foi desde entón a distribución das respostas correctas. Vémolo na táboa a seguir:

Tende en conta que o MIR 2013 foi o realizado en febreiro de 2014, o MIR 2012 o de febreiro de 2013...
así é como os numera o Ministerio, a min non me preguntedes.

Que encontramos? Pois que a tendencia está a mudar. No MIR 2009 e MIR 2010 podería dicirse que se mantén a probabilidade histórica, mais no MIR 2011 temos as opcións 3 e 4 empatadas en terceiro posto, logo da 2 e da 1. No MIR 2012 a opción 4 é a terceira, por tras da 3 e da 2. E no último MIR as opcións 3 e 4 empatan no último lugar. E aínda que de media podemos observar que se mantén o 4>3>2>5>1 (vaia, tecnicamente 4=3>2>5>1), a tendencia está a ser que cada vez as opcións 3 e 4 son menos probábeis. Será que os profesores se decataron e están a tentar corrixir o desequilibrio entre as opcións? Vendo que no último MIR, por hipercorrección, as opcións 3 e 4 caíron estrepitosamente, eu diría que si.

Estes son os datos da táboa en forma de gráfica. Non é que sexa necesario, de feito é bastante redundante tendo xa os datos na táboa, mais é que me gustan as gráficas. Son tan xeitosiñas!

Agora que xa temos todos os datos, cal é a conclusión? No caso de dúbida marcamos a 4 por ser de media a máis probábel, ou evitámola porque a tendencia é que a probabilidade sexa menor nos próximos exames? Pois... eu case que me centraba noutras tácticas de resposta e non me comía a cabeza con cal é a opción máis probábel.

1 comentario:

  1. Boa entrada! Pero na segunda edición do libro do Dr. Macarrón&CTO xa comentan que este "truco" agora xa non é útil:

    "Por desgracia, a partir de la siguiente convocatoria, MIR 10-11, la probabilidad de acierto es la misma para las cinco opciones (...). Es como si el Ministerio de Sanidad se hubiese percatado de este detalle, dándole solución a partir de ese momento."

    Unha mágoa...agora teremos que estudiar un pouquiño máis. Jajaja

    ResponderEliminar