"Tú aquí eres como un Chocapic en un bol de Estrellitas", así é como me define, con cariño, un dos meus amigos irundarras. E é que a pesar de ter aquí familia e amigos, e mesmo dominar as peculiaridades lingüísticas que presenta o castelán na zona (non tentedes preguntar por tenis nunha tenda deportiva, o máis probábel é que entendan que queredes raquetas), a verdade é que destaco un chisco. E iso dá pé a que me acontezan algunhas anécdotas curiosas que vou narrando polo meu perfil persoal do Facebook. Hoxe, para o voso deleite, reúno aquí as mellores historias até o momento.
TRICERÁTOPS (17/01/2014)
Resumo da miña mañá no ximnasio:
—Iban, para que colles as pesas?
—Para facer tríceps.
—Ah! Os tríceps son iso? Entón o dinosauro como se chama?
—Triceratops.
—Merda! Iso é o que quería facer eu!
A CLÍNICA (10/02/2014)
Hoxe á mañá tiven que ir recoller uns papeis a unha clínica de Irun, bonita localidade vasca onde me encontro agora mesmo. Non sabía onde ficaba a clínica exactamente, mais funme orientando até que finalmente cheguei. Entrei pola porta, dirixinme ao mostrador e dixen con toda a amabilidade:
—Bo día, viña recoller o resultado dunhas análises da miña avoa.
A muller do outro lado abriu moito os ollos e quedou calada, mirando para min con cara atónita. E eu, alí, en fronte dela, sen saber que é o que estaba a pasar. E así permanecemos durante uns segundos eternos, até que finalmente a muller abriu a boca e dixo:
—Disculpa, es que no entiendo tu idioma...
O TAXI (28/02/2014)
Hoxe ía camiñando pracidamente por unha das principais rúas de Irun. Diante de min ía un home maduro, aínda que non vello, con gabardina e chapeu, moi ben vestido. Cando pasamos ao lado da parada de taxis, vin como o home parou, colleu algo do chan e tirouno violentamente contra un dos taxis. Despois de facelo, como se nada pasase, continuou impasíbel o seu camiño.
O taxista, que no momento do impacto estaba dentro do taxi, comezou a soltar xuramentos, mais en ningún momento baixou do vehículo para chamar a atención ao vándalo. E eu, cando me recuperei do abraio pola escena que acababa de contemplar, decateime de que comezara a caer unha tromba de auga e non abrira o paraugas, polo que acabei enchoupado como un pito.
ACENTO GALEGO (09/03/2014)
Onte á noite saín de festa por Donostia. Ía eu falando cos meus amigos das nosas cousas, cando se me achega un rapaz aleatorio e di:
—No fuerces el acento gallego, que te sale muy mal.
Mentres os meus amigos (e eu mesmo) escachabamos a rir, a conversa proseguiu:
—¿Tanto se me nota? Yo es que soy de Gaintxurizketa...
—¿Y por qué lo haces? ¿Para ligar?
—Sí, es que es un acento muy sexy.
E, satisfeito con esa última resposta que lle dei, o rapaz aleatorio deume unha palmada nas costas e marchou coa mesma lixeireza coa que apareceu.
Tes que poñer en práctica estes consellos dun debuxante oriúndo de Vitoria:
ResponderEliminarhttps://twitter.com/AitorIErana/status/442632798206046208
https://twitter.com/AitorIErana/status/442631252508553216
Ja ja me has hecho reir un rato,sigue asi,te siguen hasta de Victoria
ResponderEliminar